O centro de atención a persoas maiores de Boiro, está situado na comarca do Barbanza, na zona suroeste da provincia de A Coruña, enmarcados na zona norte da Ría de Arousa. O centro está emprazado en Praia Xardín, un lugar de gran fermosura da localidade de Boiro. Trátase dun edificio moderno, de grandes dimensións, e cunha alta luminosidade. Temos un gran privilexio ó poder contar cunha paisaxe e entorno do que poder desfrutar, tanto de forma visual dende as grandes fiestras que caracterizan o centro, como desfrutando de actividades no exterior.

O centro atópase a tan só 100 metros da praia e do paseo marítimo que transcorre ó carón do mar, elemento diferenciador do noso enclave. Gracias á nosa localización, as persoas usuarias do centro, poden beneficiarse dos paseos ó aire libre xunto ao mar, de refrescar as pernas nas augas limpas de “Praia Xardín”, así como desfrutar dun momento de descanso á sombra das diferentes bancos e árbores cos que conta o paseo marítimo. O centro tamén se atopa o carón dun dos edificios máis emblemáticos do Concello, trátase do “Edificio das Colonias”, construído en 1957, creado naqueles anos como sede de colonias infantís e posteriormente convertido durante un tempo en albergue.

Compartimos o edificio cunha das Escolas Infantís “A Galiña Azul” de Boiro, polo que contamos con encontros e actividades interxeracionais coas nosas veciñas máis próximas. Sen esquecer as xuntanzas cos colexios e institutos que se atopan tamén moi próximos e con toda a veciñanza e entidades sociais de Boiro.

O edificio e o entorno son un privilexio, pero máis o é as persoas que lle levamos dando vida dende hai 12 anos: as persoas maiores que acoden ao centro e o equipo de traballo do CAPM de Boiro, formado por 1 PSX, 7 xerocultoras, fisioterapeuta, educadoras sociais, traballadora social e psicóloga/directora. Profesionais da xerontoloxía, que traballamos coas persoas, pensando nas persoas.